Carmen García Mateo presenta a súa candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo: “É hora de dar un paso adiante colectivo”

A catedrática Carmen García Mateo anunciou hoxe oficialmente a súa candidatura ás eleccións á Reitoría da Universidade de Vigo previstas para 2026, nun acto celebrado no edificio institucional de Redeiras, no Berbés, barrio ao que fixo unha emocionada referencia como parte das súas orixes persoais e familiares.

Na súa intervención, García Mateo apelou á responsabilidade compartida da comunidade universitaria e á necesidade de dar “un paso adiante colectivo” para afrontar os retos da institución:

“A Universidade de Vigo pode aspirar a dar un salto de calidade e proxectarse con liderado cara aos retos presentes e futuros, contando coa enerxía e o coñecemento de todas as persoas, e distribuíndo o protagonismo entre todos os campus e disciplinas”, afirmou.

A candidata defendeu un modelo de liderado baseado na escoita, a transparencia e o rigor, e fixo fincapé na necesidade de restablecer a confianza da Reitoría na comunidade universitaria e devolver estabilidade á institución.

Carmen García Mateo destacou que a súa candidatura nace do compromiso e do deber co conxunto da comunidade universitaria, e expresou con claridade o seu obxectivo de converterse na primeira reitora da Universidade de Vigo:

“Quero ser a primeira reitora da nosa institución como expresión máxima do servizo público ao que me entreguei durante máis de 35 anos de carreira profesional nesta casa.”

A candidata resumiu a misión do seu proxecto en tres ideas clave: dar rumbo á Universidade de Vigo, reforzar a cohesión e consolidar a súa influencia social e científica.

“Queremos pasar da dispersión ao proxecto común, da improvisación á solvencia, e de mirarnos cara dentro a ter peso fóra”, explicou.

Arroupada por colegas de distintos campus e áreas de coñecemento —as profesoras Elsa Vázquez, Elena Alonso e Rebeca Díaz, e os profesores Xosé H. Vázquez, Virxilio Rodríguez e Xabier M. Rolán—, Carmen García Mateo quixo visibilizar que a súa candidatura é, ante todo, un espazo de encontro e cooperación. “Somos moitas persoas convencidas de que é posible outra Universidade de Vigo, máis cohesionada e con voz propia”, afirmou.

A súa intervención concluíu cunha mensaxe de unidade e esperanza:

“A Universidade de Vigo é, ante todo, un proxecto colectivo ao servizo do país. Cando camiñamos xuntos, todos os retos están ao noso alcance.”