Carmen García Mateo

Fotografía: Emma Belmonte
Nacín en Vigo en 1963. Son Enxeñeira de Telecomunicación (1987) e Doutora en Enxeñaría de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid (1993), con estadías de investigación en universidades e centros estranxeiros. A miña investigación céntrase na tecnoloxía da fala en galego e castelán, a segmentación de audio, o recoñecemento biométrico e a detección por voz de enfermidades neurodexenerativas.
Son catedrática da área de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo e responsable do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM). Fun Vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea (2006–2010), coordinei o programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (DocTIC) desde 2012 até 2019, e dirixín o Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións entre 2017 e 2019.
Dirixo e coordino proxectos competitivos e teses doutorais, con máis de 150 publicacións en revistas e congresos internacionais. Participo regularmente en iniciativas de formación, promoción e divulgación para reforzar a presenza feminina en STEM.
Entre os proxectos destacados figuran Cotovía (primeiro conversor texto–voz bilingüe en galego e castelán), VOGATEL e FalAI (recollida de voz en galego para adestramento de sistemas conversacionais), COPERIA (detección de COVID persistente mediante análise acústica de tose e voz) e VISIA (sentinela de risco de suicidio en adolescentes baseado en intelixencia artificial).
En 2014 recibín o Premio “Josefa Wonenburger” da Xunta de Galicia pola miña traxectoria en ciencia e tecnoloxía. Fun membro do plenario do Consello da Cultura Galega desde 2016 a 2024, e coordinadora da sección de Lingua, Literatura de Comunicación do 2018 ao 2024.