Carmen García Mateo presenta en Pontevedra a súa candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo acompañada polas candidatas a vicerreitoras de campus
A catedrática Carmen García Mateo presentou este luns no campus de Pontevedra a súa candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo, acompañada polas candidatas a vicerreitoras de campus, Marián Fernández Villarino, polo Campus de Pontevedra, e Montserrat Cruz González, polo Campus de Ourense. A imaxe do encontro quixo simbolizar unha idea central da candidatura: unha universidade construída desde os tres campus, cun liderado compartido e cun proxecto que dote de máis autonomía e peso estratéxico a cada sede. Nun contexto marcado polas reivindicacións do 8 de marzo, a candidatura quixo tamén proxectar unha aposta singular por un liderado feminino con capacidade institucional real: tres mulleres asumirían a máxima representación da UVigo en Vigo, Pontevedra e Ourense.
A candidata destacou a importancia de reforzar a cohesión da institución e de garantir a autonomía e capacidade de decisión de cada campus dentro dun proxecto común para toda a Universidade de Vigo: “Cremos nunha UVigo que medre desde a proximidade, onde cada campus teña a capacidade de decidir o seu propio futuro e potenciar a súa identidade propia”.
Carmen García Mateo é catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e investigadora no ámbito das tecnoloxías da fala e da intelixencia artificial aplicada á saúde, cunha longa traxectoria académica e institucional dentro da universidade.
Durante a presentación anunciouse tamén a posta en marcha do ciclo de conferencias “A universidade que queremos”, unha iniciativa aberta á comunidade universitaria para debater cuestións estratéxicas sobre o futuro da UVigo. O ciclo combinará relatorios breves cunha quenda final de conversatorio coa comunidade universitaria. Segundo explica García Mateo, “é momento de falar do que importa e facelo con rigor, escoita e vontade de construír solucións compartidas”.
O ciclo celebrarase os mércores 11, 18 e 25 de marzo na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo, ás 13:00h, con asistencia presencial e seguimento remoto desde os distintos campus da Universidade de Vigo a través do Campus Remoto
A primeira sesión, o 11 de marzo, estará dedicada ao impacto e aos desafíos da intelixencia artificial na universidade. O 18 de marzo o debate centrarase na investigación e na carreira investigadora dentro do sistema universitario. A terceira e última sesión, o 25 de marzo, porá o foco na situación e nas necesidades do estudantado na Universidade de Vigo.
As sesións desenvolveranse en formato conversatorio, co obxectivo de favorecer un diálogo aberto sobre o futuro da institución e recoller reflexións e propostas da comunidade universitaria.
A información actualizada sobre datas, ligazóns de acceso, claves e contidos estará dispoñible na web carmen2026.uvigo.gal
