O ciclo de conferencias “A universidade que queremos”, impulsado pola candidatura de Carmen García Mateo á Reitoría da Universidade de Vigo, pechou este mércores cunha cuarta sesión dedicada á transferencia de coñecemento, nunha convocatoria que se sumou ás tres inicialmente previstas polo éxito de asistencia e participación.
O ciclo superou todas as expectativas en canto á asistencia presencia e en liña, cun formato híbrido que funcionou de xeito exemplar e que motivou que a propia comunidade universitaria solicitase o acceso ás gravacións. A acollida foi tan positiva que a candidatura decidiu ampliar o ciclo cunha cuarta conferencia, non prevista inicialmente, para dar resposta á demanda xerada polas tres primeiras.
As catro sesións abordaron temáticas estratéxicas para o futuro da UVigo: a intelixencia artificial na universidade (11 de marzo), a carreira científica e o talento investigador (18 de marzo), o estudantado como eixo central da vida universitaria (25 de marzo) e, finalmente, a transferencia de coñecemento do laboratorio á empresa (8 de abril). En todas elas, Carmen García Mateo fixo de presentadora e participou do debate con todas as persoas asistentes, subliñando que “a universidade que queremos non se constrúe en despachos, senón escoitando e debatendo con todas as persoas que forman parte dela”.
Máis integrantes do equipo de goberno
O ciclo de conferencias permitiu tamén visibilizar novos integrantes do equipo de goberno da candidatura, trala presentación inicial das vicerreitoras de campus. Trátase de catro perfís de sólida traxectoria académica e xestora, que representan a diversidade disciplinar e a ambición transformadora do proxecto.
— Xabier Martínez Rolán asumirá a Vicerreitoría de Docencia e Transformación Educativa, unha área de nova creación que situará a innovación docente e a integración responsable da intelixencia artificial no centro do modelo universitario. Titular de Universidade na Facultade de Comunicación da UVigo, doutorouse con premio extraordinario e mención internacional. Especialista en desinformación, astroturfing e discursos de odio, acumula máis dun cento de publicacións científicas e ten impartido nos últimos anos centos de horas de formación sobre IA xerativa en universidades e centros de investigación de España e Portugal. Coordina un grupo de innovación educativa centrado no impacto da IA na docencia. Antes de incorporarse á academia traballou en radio, televisión e comunicación dixital durante máis dunha década.
— Manuel Martínez Piñeiro será o responsable da Vicerreitoría de Investigación. Catedrático do Departamento de Física Aplicada e coordinador do grupo de investigación FA2, é experto en simulación molecular de novos materiais para a captura e almacenamento de dióxido de carbono ou hidróxeno. Incorporouse á UVigo en 1995 e ten unha ampla traxectoria en proxectos internacionais, estadías no estranxeiro e dirección de teses doutorais. Na Real Sociedade Española de Física exerce como presidente do Grupo Especializado de Termodinámica e da Sección de Galicia.
— Loli González Álvarez encabezará a Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, unha das áreas con maior peso estratéxico no proxecto: o programa prevé ampliar significativamente as súas competencias para atender de forma integral todas as dimensións da experiencia universitaria. Profesora Titular e directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá desde 2020, xa exerceu como Vicerreitora de Estudantes da UVigo entre 2014 e 2018, época na que tamén liderou a área de política lingüística da CRUE. Dirixiu o Centro de Linguas da UVigo, que baixo o seu mandato se converteu nun centro de referencia nacional. A súa investigación céntrase na lingüística histórica do inglés e na internacionalización da educación superior.
— Rafael Comesaña Piñeiro será o titular da Vicerreitoría de Transferencia e Innovación e Impacto Social. Profesor da UVigo desde 2012 na área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas, investiga no procesamento de materiais mediante tecnoloxía láser e na fatiga estrutural. Ten experiencia na coordinación de proxectos de innovación financiados pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) e polo European Innovation Council (EIC), e é co-inventor de patentes de ámbito nacional, europeo e internacional (PCT). Posúe unha ampla traxectoria na xestión de contratos con empresas e en procesos de acreditación externa como o selo internacional de calidade ABET.
Un equipo para a transformación con criterio
A candidatura presentará o equipo de goberno completo o próximo 17 de abril. Os catro perfís presentados hoxe amosan a lóxica que guiará o resto de nomeamentos: profesionais cunha traxectoria sólida tanto no ámbito académico coma na xestión universitaria, capaces de traducir o programa en accións concretas desde o primeiro día. Carmen García Mateo sinalou que “este é un equipo construído desde a solvencia, o coñecemento da universidade e o compromiso real co cambio que a UVigo necesita”.
Entre os aspectos máis destacados da estrutura de goberno figuran a creación da Vicerreitoría de Docencia e Transformación Educativa, que non ten precedente na historia da UVigo e que situará a innovación pedagóxica e a integración responsable da intelixencia artificial como prioridades institucionais de primeiro nivel; e a Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, que ampliará significativamente as súas competencias para abarcar de xeito integral tódalas dimensións da experiencia universitaria: académica, cultural, social e de benestar.
