A candidatura de Carmen García Mateo aposta por unha transferencia áxil e integral para situar á UVigo como motor social

Fotografía: Gradiant

A Lei da Ciencia sinala a transferencia como a gran carencia do sistema público de I+D+i. O programa responde con dúas medidas estruturais — a Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social e a Oficina 360° de I+D+i — baixo o principio de “gobernar e acompañar”

No debate electoral “Innovación con impacto: Coñecemento que conecta”, organizado por Gradiant este luns na Séde RC Celta de Vigo coa participación das tres candidaturas ao rectorado, Carmen García Mateo presentou unha das apostas estruturais máis significativas do seu programa: a creación dunha Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social, separada da de Investigación, que concentrará nunha soa cadea operativa os contratos e convenios de I+D+i, a protección e licenza de resultados, o apoio a spin-offs e start-ups, e os programas de emprendemento baseado no coñecemento.

A Lei da Ciencia recoñece a transferencia de coñecemento como a gran carencia do sistema público de I+D+i español. Na Universidade de Vigo, o problema non é o talento, senón a falta de mecanismos e incentivos.

A medida estrela para a xestión é a Oficina 360° de I+D+i, unha “porta única” con prazos garantidos para o apoio real na xestión de contratos e convenios. O programa entende a transferencia de forma integral: non se limita á enxeñaría ou ás ciencias experimentais, senón que abrangue todas as disciplinas, desde as humanidades ata as ciencias sociais. “Transferir ten que deixar de ser un acto de valentía; que caia por si mesmo, transferir debe ser algo natural”, subliñou García Mateo, quen destacou tamén o papel dos centros tecnolóxicos: “Os centros como Gradiant non son competidores da universidade, senón catalizadores”.

O programa aborda tamén dous dos puntos de maior fricción co PDI investigador: os custos indirectos e os recursos liberados dispoñibles (RLDs). Sobre os primeiros, o programa propón substituír o modelo actual por un sistema de dous compoñentes — unha cota-base común e un compoñente variable construído a partir da contabilidade analítica real da UVigo — e garante que nas convocatorias con custos indirectos limitados pola entidade financiadora a universidade non engadirá cargas adicionais. Sobre os segundos, a proposta é máis radical: se os custos indirectos xa cobren o soporte institucional xeral, os RLDs deben retornar prioritariamente ao ecosistema investigador que os xerou, eliminando a retención institucional actualmente vixente. Ademais, habilitarase a posibilidade de destinar RLDs a desgravación docente para quen dirixe proxectos estratéxicos. A mensaxe do programa é clara: “A UVigo ten que deixar de penalizar a quen investiga e capta. Un sistema ben deseñado non resta, suma”.

Rafael Comesaña Piñeiro, candidato a vicerrector de Transferencia, Innovación e Impacto Social

Para liderar esta nova vicerreitoría, García Mateo designa a Rafael Comesaña Piñeiro, profesor do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción desde 2012, na área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas, con docencia nos campus de Vigo e Ourense. O seu perfil non é o dun xestor que coñece a transferencia desde fóra: Comesaña Piñeiro é coautor de patentes de invención de ámbito nacional, europeo e internacional (PCT), ten participado en contratos directos con empresas e foi un dos investigadores principais no proxecto EVERGLASS, financiado polo European Innovation Council (EIC), o instrumento da Unión Europea reservado para as iniciativas de maior potencial transformador.

Rafael sabe o que frena a transferencia porque o viviu. Non ven a administrar o que hai, ven a construír o que a UVigo necesita e aínda non ten”, subliñou Carmen García Mateo.

A nova vicerreitoría operará baixo o principio de “gobernar e acompañar”: non crear actividades por decreto, senón eliminar as friccións que impiden que o coñecemento chegue á sociedade. O aliñamento coa investigación farase por incentivos e coordinación, non por xerarquía, e implantará indicadores públicos agregados — prazos, volume de contratos, retorno institucional — para que a comunidade universitaria poida medir o que hoxe non se mide.

Desde o punto de vista da xestión académica, Comesaña Piñeiro foi secretario da Escola de Enxeñaría Industrial, subdirector de Posgrao e Doutoramento, e coordinador de dous mestrados, incluíndo o Mestrado en Enxeñaría Biomédica. Participou tamén na obtención do selo internacional ABET, un dos estándares de acreditación de maior esixencia no ámbito da enxeñaría.

Para pechar o debate, García Mateo lanzou unha mensaxe directa ao tecido empresarial galego. “Para moitas pemes somos como un monstro; non saben como achegarse a nós. Temos que cambiar iso: UVigo é o departamento de I+D que a túa peme xa ten, pero aínda non utiliza”.