O acto de inicio de campaña, celebrado no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, reuniu a maior convocatoria electoral da historia recente da Universidade de Vigo e confirmou o apoio transversal ao proxecto “Todas as persoas, un proxecto”
Vigo, 20 de abril de 2026. A candidatura de Carmen García Mateo á Reitoría da Universidade de Vigo deu hoxe o pistoletazo de saída oficial da campaña electoral nun acto presentado e moderado por un integrante da candidatura de Carmen García Mateo, que superou todas as expectativas de convocatoria Un Salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ateigado para acompañar a candidata nun encontro que combinou a proxección dun vídeo de campaña, intervencións corais, música en directo e un debate aberto coa comunidade universitaria.
O acto abriuse coas intervencións de representantes de cada sector da comunidade universitaria, que transmitiron en primeira persoa as razóns polas que apoian este proxecto. David Basalo, en representación do PTXAS, afirmou: “Estes últimos anos foron duros porque se foi instalando un sentimento de apatía e desilusión no PTXAS polo rumbo que foi tomando a nosa institución. Coa presentación da candidatura de Carmen ábrese unha fiestra de esperanza e ilusión“. Estefanía Paredes Rosendo, en representación do PDI non permanente, subliñou: “ Sei de primeira man o importante que é poder planificar o futuro con certa seguridade. Este programa ofrece o marco institucional claro e previsible que necesitamos os que estamos nos últimos pasos antes da estabilización“. Pola súa banda, Toño Sartal, en representación do PDI permanente, engadiu “Antes de dixitalizar, hai que pararse a analizar e optimizar os procesos. Só así poderemos dedicar máis tempo ao que realmente importa: ensinar, investigar e transferir coñecemento“.

Carmen García Mateo presentou ante o salón desbordado os tres eixos de transformación que vertebran o seu programa: o compromiso co capital humano da universidade, a superación do minifundismo institucional para construír un proxecto común, e a substitución da improvisación pola planificación e a rendición de contas. “Despois de anos de improvisación, a UVigo necesita un goberno que substitúa os parches pola planificación e que faga da transparencia a norma, non a excepción”, afirmou a candidata.
A candidata subliñou como elemento diferencial o equipo de doce persoas, paritario, con presenza nos tres campus e traxectorias complementarias na investigación, a docencia, a transferencia e a xestión universitaria. “Este compromiso non o asino eu soa. Presento un equipo que entende a gobernanza como responsabilidade colectiva, non como suma de despachos”, declarou García Mateo.
A primeira pregunta abordou o Plan de Ordenación Docente e o recoñecemento das cargas docentes. García Mateo foi contundente: A PDA está aprobada desde decembro, e parece que non foi tempo suficiente para resolver un problema que afecta directamente á calidade do ensino e ás condicións de traballo do PDI. A candidata advertiu dun risco grave e concreto: que a Universidade de Vigo inicie o curso 2026-27 sen ter garantida a cobertura docente necesaria, unha situación que non ten precedentes e que é o resultado directo da falta de planificación do actual equipo de goberno. “ A planificación docente non pode chegar tarde ano tras ano. Comprometémonos a que, no noso primeiro curso completo, a elaboración do POD sexa un proceso áxil, transparente e resolto para poder iniciar o curso sen incidencias“.
A segunda pregunta chegou do PTXAS e centrouno na cobertura das baixas, un problema estrutural que lastra o día a día dos servizos universitarios. García Mateo comprometeuse a abordar esta cuestión desde unha lóxica de planificación e non de reacción, garantindo que as ausencias non recaian sistematicamente sobre os compañeiros e compañeiras do persoal en activo. “Non pode ser que cada baixa sexa unha crise. Iso significa que o sistema non está dimensionado para funcionar, e iso é responsabilidade de quen leva oito anos xestionándoo. Nós comprometémonos a ter protocolos de cobertura reais, non parches de urxencia”.
Unha terceira pregunta apelou ao programa universitario de maiores: “De obter a confianza da comunidade universitaria, ampliaremos as prazas de forma progresiva, garantiremos un espazo propio e estable para este programa e avanzaremos cara a un modelo que recoñeza ás persoas maiores como parte plena da nosa comunidade universitaria, tamén nos órganos de representación”
O acto pechouse cun momento inesquecible: o dúo musical que amenizara o encontro cedeu o paso á actuación sorpresa do coro senior e estudantado do Programa de Maiores, que estaba de incógnito, levantouse e interpretou conxuntamente a canción que o dúo tiña iniciado. O peche emocionante reforzou a mensaxe central da candidatura: o cambio non é só un programa electoral, é xente real.
