Carmen García Mateo pecha a campaña cun multitudinario “Tardeo” na Praza Miralles rodeada do seu equipo e da comunidade universitaria

A candidata á Reitoría da UVigo protagonizou un acto festivo e emotivo no que repasou máis dun ano de traballo colectivo e pediu o voto para “a única opción de cambio real”

Vigo, 4 de maio de 2026. A candidatura de Carmen García Mateo á Reitoría da Universidade de Vigo pechou a campaña electoral este luns 4 de maio cunha concentración multitudinaria na Praza Miralles do Campus de Vigo, nun formato festivo e aberto á comunidade universitaria que congregou a máis de cen persoas.

O acto, celebrado baixo o lema “Todas as persoas, un proxecto”, arrancou coa actuación da charanga “Charanga Nova Jomada”, de Salceda de Caselas, e contou coa presenza do equipo de goberno ao completo, que participou nun momento especial no que Carmen García Mateo tivo unhas palabras de afecto para todo o seu equipo. “Hoxe coñecemos tamén a unha Carmen compañeira, amiga e, sobre todo, humana”, sinalou o candidato á Vicerreitoría de Docencia e Transformación Educativa, Xabier Martínez Rolán, que conduciu o acto.

Na súa intervención, García Mateo fixo un repaso do camiño percorrido desde hai máis dun ano, cando arrancou un proceso de escoita activa que culminou no proceso participativo que implicou seis grupos de traballo e máis de 150 persoas da comunidade universitaria na elaboración dun programa de goberno de 135 medidas concretas. “Non son promesas. Son compromisos. Compromisos que naceron desta comunidade”, afirmou a candidata. 

A candidata tamén fixo balance dunha campaña intensa, con 41 actos celebrados nos tres campus — Vigo, Pontevedra e Ourense —, 27 centros visitados, 8 debates e máis dunha centena de correos respondidos. “Atopei xente cansa de sentirse invisible. Pero tamén atopei esperanza. Atopei persoas que aínda cren, que aínda queren, que aínda están aquí”, declarou.

Sen nomear adversarios, García Mateo definiu con claridade as tres opcións que se presentan ao voto o 6 de maio. “Hai quen propón seguir exactamente como ata agora. Hai quen critica ese camiño pero formou parte del ata hai ben pouco. E hai quen leva máis dun ano construíndo algo diferente, desde fóra, desde a comunidade, con rigor, seriedade, honestidade e solvencia. Vós sabedes cal é cal”, afirmou.

O acto rematou cun momento de festa colectiva co flashmob de “A saia da Carolina”, no que todas as persoas na praza formaron coas mans a letra C, símbolo da candidatura, antes de que a charanga continuara e pechara o “tardeo”.

“Pensade na universidade que queredes. A que merece o voso talento. A que merecen os que veñen detrás. E votade iso”, foi a mensaxe final da candidata, que concluíu con: “Se credes que esta universidade pode ser máis… xa sabedes o que tedes que facer.”