David Álvarez González

Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade

Son Profesor Permanente Laboral no Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción da Universidade de Vigo dende este mesmo ano, tras cinco anos como Profesor Axudante Doutor. Doutoreime na EEI en Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria, etapa que culminou cunha tese recoñecida co Premio Extraordinario e mención internacional. A miña formación complétase como Enxeñeiro de Minas e con dous mestrados en Soldadura e Procesos Avanzados de Fabricación.

No ámbito docente, a miña actividade desenvólvese hoxe entre as escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense e a de Enxeñaría Industrial de Vigo. Previamente tamén impartín clases na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía facendo un total de 8 titulacións de grao e 5 másters nesta universidade.

Teño un forte compromiso coa divulgación científica e o fomento das vocacións STEM. Entre outras actividades participo activamente como titor no programa STEMbach da Xunta de Galicia, porque creo que a nosa responsabilidade como investigadores tamén é espertar a curiosidade nas novas xeracións.

 Entendo a docencia como un espazo de aprendizaxe activa, onde a teoría debe dialogar constantemente coa práctica experimental e os desafíos reais da industria. Creo firmemente na necesidade de formación cunha base técnica sólida, pero tamén cun pensamento crítico e unha sensibilidade especial cara á sustentabilidade e a eficiencia dos procesos.

Como investigador dedico o meu esforzo ao estudo da corrosión e a electroquímica aplicada, buscando solucións innovadoras para a protección de materiais e infraestruturas en contornos industriais. Esta vocación de transferencia e interese pola aplicación práctica do coñecemento técnico desenvólvoa dende o grupo de investigación E-MATERIAIS e anteriormente dende o grupo ENCOMAT. Tamén dende a Asociación Galega de Corrosión e Protección, da que formo parte, e que pretende fomentar a conexión entre o tecido industrial e o coñecemento universitario.

A miña proxección internacional, con estancias na Universidade de São Paulo, na Université de Mons e na Universidad Autónoma de México, así como a dirección de traballos fin de grao e mestrado en colaboración con empresas e centros de investigación, reforzan a miña visión dunha enxeñaría sen fronteiras.

Dende hai dous anos a miña traxectoria tamén está ligada á xestión universitaria, un compromiso que hoxe desempeño como Subdirector de Posgrao na Escola de Enxeñaría Industrial e como coordinador do Mestrado en Enxeñaría Industrial. Dende estas responsabilidades, traballo por harmonizar a calidade académica coa proxección profesional do noso estudantado, procurando sempre unha mellora continua dos nosos programas.

Fóra do ámbito profesional, valoro especialmente o tempo coa familia e coas amizades de toda a vida. Gústame a lectura, os cómics, a música e o debuxo, e tiven a oportunidade de participar como ilustrador nun libro-disco infantil coa editorial Galaxia. Nos últimos anos, o meu tempo libre ten unha protagonista clara: a miña filla, que cada día me ensina o que realmente importa na vida. Hoxe traballo en transformar o presente para regalarlle un futuro mellor.