Emma Rodríguez Rodríguez

Secretaría Xeral

Son Profesora Titular —acreditada a Catedrática— de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, institución na que cursei os meus estudos universitarios e defendín a miña tese doutoral. Desde a miña incorporación como Axudante no ano 2004, desenvolvo a miña actividade docente e investigadora cun firme compromiso coa excelencia académica, o rigor científico e a transferencia de coñecemento ao servizo da sociedade.

A miña traxectoria investigadora céntrase nas relacións laborais, a protección social, a igualdade e a conciliación, así como na negociación colectiva e nos mecanismos de xestión do cambio nas organizacións. Estes ámbitos de especialización materializáronse nunha ampla produción científica, con monografías, artigos en revistas especializadas, capítulos de libro e coordinación de obras colectivas. Así mesmo, dirixín e participei en proxectos de investigación de ámbito estatal e internacional, entre os que destaca o proxecto Jean Monnet “Os dereitos sociais da Unión Europea no emprego do século XXI” (2024‑2027).

Ao longo da miña carreira asumín diversas responsabilidades de xestión universitaria, que me permitiron coñecer en profundidade o funcionamento institucional da universidade. Fun coordinadora do Máster Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral, secretaria de Facultade e da Comisión de Doutoramento, directora de cursos de especialización e membro de comités científicos e organizadores de congresos e seminarios. Entre 2022 e 2023 exercín como Vocal Asesora na Secretaría de Estado de Emprego do Ministerio de Traballo e Economía Social. Ademais, son mediadora en conflitos colectivos por designación do Consello Galego de Relacións Laborais.

A miña actividade académica complétase cunha marcada proxección internacional. Ademáis de que ter sido profesora visitante na Universidade de Castilla‑La Mancha, tamén fun profesora invitada en diversos programas de posgrao, principalmente en Italia e Portugal. Realicei estancias de investigación en Francia, Noruega e o Reino Unido, e en 2025 iniciei un proxecto de investigación na Universidade de Cornell (Nova York, EUA) grazas á bolsa Salvador de Madariaga. Participei como relatora en numerosos congresos e seminarios internacionais e formo parte de equipos de I+D e de transferencia de coñecemento, con especial atención ás políticas de igualdade de xénero e aos dereitos de conciliación e corresponsabilidade. Tamén fun membro de tribunais avaliadores de teses doutorais, tanto a nivel nacional como internacional.

Esta ampla experiencia permíteme concibir a universidade como unha institución chamada a garantir seguridade xurídica, transparencia e pleno respecto polos dereitos da comunidade universitaria. Creo firmemente que a igualdade de oportunidades comeza por servizos accesibles e transparentes, nos que a legalidade ampare a toma de decisións dunha institución que traballe en beneficio de todas as persoas ás que realmente pertence: a comunidade universitaria. Ao mesmo tempo, considero esencial impulsar unha universidade comprometida coa calidade da docencia, o fortalecemento da investigación e a transferencia de coñecemento como piares fundamentais do seu servizo público.

Fóra do ámbito profesional, gústame a lectura, o cine e os paseos polo monte, así como o tempo compartido coa miña familia, amigas e amigos. Practico yoga e gústame bailar, mantendo un equilibrio entre a vida persoal e profesional que considero esencial para exercer responsabilidades institucionais con perspectiva, rigor e compromiso.