Esther Pillado González

Vicerreitoría de Oferta Académica

Son Catedrática de Dereito Procesual na Universidade de Vigo, institución á que me incorporei en 1995 e na que desenvolvín o meu labor académico na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Ao longo destes anos, combinei a docencia e a investigación cunha dedicación constante ao servizo da universidade, sen descoidar nunca a formación do estudantado e a atención ás novas xeracións de persoas investigadoras. Teño recoñecidos 5 quinquenios e 5 sexenios e manteño un nivel sostido de investigación e transferencia de coñecemento, vinculado a proxectos competitivos e á produción científica.

A miña carreira investigadora céntrase en ámbitos nos que o dereito procesual está particularmente vinculado á realidade social. Este traballo permitiume publicar monografías e numerosos artigos académicos, así como participar de xeito continuado en proxectos de investigación. En 2018, fun nomeada membro da Comisión General de Codificación, órgano asesor do Ministerio de Justiza para a redacción e reforma de leis, onde participo na lexislación procesual. Esa experiencia reforzou en min unha convicción moi clara: as institucións necesitan rigor, normas comprensibles e a capacidade de abordar os problemas na súa totalidade, non só unha parte deles.

Xunto a esta carreira académica, ocupei diversos cargos de xestión universitaria, sempre impulsada por unha clara vocación de servizo público. Fun secretaria do Departamento de Dereito Público e máis tarde a súa directora, secretaria xeral da Universidade de Vigo e, en 2019, o Claustro elixiume como Valedora Universitaria, converténdome na primeira muller en asumir esta responsabilidade na nosa Universidade. Esta experiencia proporcionoume unha comprensión moi directa de como funciona a institución, das súas fortalezas, dos seus retos e da importancia de escoitar, organizar, resolver problemas e tomar decisións cando chega o momento. Creo nunha xestión próxima, seria e esixente; unha xestión capaz de dialogar con todos os colectivos da comunidade universitaria, pero tamén de asumir con firmeza a responsabilidade de tomar decisións.

Por iso entendo a oferta académica como unha competencia clave para o presente e o futuro da Universidade de Vigo. Creo nunha política de titulacións pensada para toda a universidade, para todos os seus campus e para todos os seus colectivos; unha política que coide a calidade dos graos, fortaleza os másteres, impulse o doutoramento, atenda a formación continua e entenda a universidade de maiores como parte dunha verdadeira formación ao longa da vida. Defendo unha oferta académica ben planificada, conectada coa demanda social, coas necesidades profesionais e co emprego e, ao tempo, aberta á internacionalización, á mobilidade e á cooperación con outros espazos universitarios. Nesta área, a Universidade de Vigo necesita bo criterio e visión de conxunto. Ese é, ao meu xuízo, o modo de reforzar unha universidade pública seria, útil, próxima e con visión de futuro.

Fóra do traballo, a miña prioridade é a familia. E, vivindo en Vigo, procuro non perder nunca esa conexión co mar, que é unha parte tan integral da cidade e tamén da miña maneira de estar no mundo. As fins de semana, gústame saír a navegar, deixar atrás o barullo da citade e quedarme con esa sensación de calma, aire limpo e equilibro que sempre trae o mar