Loli González Álvarez

Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria

Son doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela e Profesora Titular na Facultade de Filoloxía e Tradución, no Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, que dirixo dende o ano 2020.

No ámbito docente, o meu labor desenvólvese na área da lingüística inglesa en programas de grao, mestrado e doutoramento. Sempre entendín a docencia como algo máis cá transmisión de coñecemento: é espertar curiosidade, fomentar o pensamento crítico e acompañar ao estudantado na construción do seu propio criterio. A esixencia académica é imprescindible, pero tamén o son a proximidade e o compromiso co crecemento intelectual e persoal de cada estudante.

Como investigadora, formo parte do grupo Language Variation and Textual Categorisation (LVTC) e do Instituto de Investigación Lingua (iLingua) da UVigo, espazos nos que o traballo en equipo e a colaboración sostida forman parte da nosa identidade. A miña investigación articúlase arredor de dous ámbitos ben diferenciados: por unha banda, a lingüística histórica do inglés e o estudo de variación e cambio na lingua, no marco da lingüística de corpus; por outra, a internacionalización da educación superior, un campo no que a reflexión académica, a responsabilidade institucional e a miña experiencia internacional dialogan de forma directa.

A miña traxectoria está tamén profundamente vinculada á xestión universitaria e á construción de proxectos colectivos ao servizo da comunidade. Participei na creación e posta en marcha do actual Centro de Linguas da Universidade de Vigo, do que fun directora (2010-2014), e impulsei os programas impartidos en inglés como parte dun compromiso firme coa proxección internacional da institución. Como Vicerreitora de Estudantes (2014-2018) asumín competencias en captación, política lingüística, empregabilidade e normativa académica. Nesa etapa prioricei a escoita activa, o diálogo cos distintos colectivos e a procura de acordos que mellorasen a vida estudantil. Tamén dirixín a área de política lingüística da CRUE (2016-2018), contribuíndo á definición de estratexias de internacionalización para o conxunto do sistema universitario español. Posteriormente actuei como Vicedecana de Calidade da Facultade de Filoloxía e Tradución (2018-2020), responsabilidade que consolidou a miña experiencia en planificación, avaliación e mellora continua.

Defendo unha universidade que sitúe ao estudantado no centro das decisións e que conciba a vida universitaria en todas as súas dimensións: académica, cultural, social e de benestar; unha universidade inclusiva, que coide dos nosos e do noso, que acompañe e que garanta a igualdade de oportunidades a todos os niveis, e na que o estudantado participe activamente nos espazos de diálogo e nas decisións que configuran o seu presente e o seu futuro.

Fóra do ámbito profesional, a miña familia é o meu motor e o meu apoio constante. Tamén o deporte marcou de maneira decisiva a miña formación persoal. A disciplina e a constancia que adquirín na natación sincronizada seguen acompañándome aínda hoxe. No sendeirismo e nos paseos coa miña cadela atopo espazos de equilibrio e benestar que reforzan os valores que tamén procuro levar á vida universitaria.