Manuel Martínez Piñeiro

Vicerreitoría de Investigación

Incorporeime á Universidade de Vigo en 1995, onde cheguei como recén licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela. Formeime como investigador e docente baixo o mentorado do prof. José Luis Legido, e fun progresando paso a paso na carreira académica. Na actualidade son catedrático no Departamento de Física Aplicada e coordinador do grupo de investigación FA2.

Nestes anos tiven a oportunidade de impartir docencia de Física en diversas titulacións do eido das Ciencias Experimentais (Química, Bioloxía e Ciencias do Mar) e tamén en Enxeñaría (Industriais e Minas). Esta traxectoria permitiume coñecer moitos académicos de diferentes centros e áreas, enriquecendo a miña perspectiva sobre a nosa institución. Tamén impartín docencia en varios programas de mestrado e doutoramento nos ámbitos de Física, Química e Ciencia de Materiais.

A investigación sempre foi un piar fundamental da miña actividade na Universidade. O meu traballo investigador tivo sempre como fío condutor a física de fluídos complexos en distintas aplicacións. Nos últimos anos centreime na simulación molecular computacional de novos materiais para a captura e o almacenamento de gases de interese, como o dióxido de carbono ou o hidróxeno. Grazas a esta actividade tiven a oportunidade de viaxar moito e realizar numerosas estadías (Francia, Reino Unido, Portugal, Chile…), coñecendo diferentes contornas científicas e outros modos de organización. Isto permitiume establecer numerosas colaboracións e desenvolver unha ampla e activa rede de traballo que perdura no tempo. A ciencia é unha actividade propia de equipos cohesionados e motivados, e eu tiven a sorte de poder aprender e crecer neste fértil ecosistema. Os resultados (que chegan sempre que as condicións son axeitadas) foron un número elevado de proxectos financiados, a dirección de teses de doutoramento, artigos publicados nun amplo abano de revistas internacionais… e unha aprendizaxe continua.

Tamén contribuín en diversos postos de xestión: Secretario da Facultade de Química, Director do meu Departamento, Coordinador do Programa de Doutoramento en Física Aplicada, e outros encargos cos que aprendín moito sobre a organización e o funcionamento da Universidade.

Na Real Sociedade Española de Física exerzo como presidente do Grupo Especializado de Termodinámica e da Sección de Galicia, un recoñecemento ao traballo colectivo do noso grupo e unha responsabilidade que asumín con moito orgullo.

Fóra do traballo, estou sempre moi ocupado. Son lector e cinéfilo empedernido, e deportista de sempre. Pola miña paixón polo mar practiquei mergullo durante anos, e agora dedico moito tempo á navegación a vela: entre o vento e as ondas, o tempo voa.