Marián Fernández Villarino

Vicerreitoría do Campus de Pontevedra

Son profesora da Universidade de Vigo desde 2003 na área de Educación Física e Deportiva. A miña docencia e investigación céntranse nas Actividades Rítmico Expresivas focalizando a atención en dous retos: (i) a contribución á Alfabetización Física e, (ii) a investigación con perspectiva de xénero nos deportes artísticos.

Este percorrido académico levoume a publicar traballos científicos en revistas de referencia nas Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Sport Sciences and Research and Research Education). Do mesmo xeito, a desenvolver traballos de innovación docente que deron lugar a materiais en acceso libre e aberto, tanto no eido do adestramento deportivo, como no da formación do profesorado ou para o alumnado de programas STEMbach.

Paralela a miña traxectoria académica, desenvolvo una significativa colaboración con organizacións públicas e privadas. Así, gustaríame destacar a miña vinculación coa Federación Galega de Ximnasia, tanto na formación de persoal técnico como na participación en comités técnicos e de disciplina deportiva. Tamén a labor como asesora en programas de actuación no rural galego coa consultora especializada en igualdade e políticas sociais Red Talento Consultoras e, a colaboración co programa de Bacharelato de Excelencia STEMbach da Xunta de Galicia, entre outras.

Dende o punto de vista da xestión académica, fun directora do Departamento de Didácticas Especiais, secretaria da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, coordinadora do Mestrado en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva e, participo activamente en órganos de xestión e representación universitarios tales como comisións redactoras, de doutoramento, de mestrados, de elaboración de planos de estudos, etc. Neste momento son a secretaria do Instituto de Investigación de Ciencias do Deporte (Cidega).

A miña traxectoria docente, investigadora, xestora e de transferencia, define o valor que lle concedo a universidade coma motor de formación e transformación da sociedade na que se arraiga. Sendo un servizo público de referencia que proporciona calidade e innovación nas respostas aos retos e problemáticas actuais. É así que entendo unha universidade que se desenvolve na sociedade, para a sociedade e coa sociedade.

Máis alá destas accións, a familia, a actividade física e a boa conversa fan que tente dar a mellor versión de min mesma, e desfrutar o tempiño que estamos aquí.