Montse Cruz González

Vicerreitoría do Campus de Ourense
Son profesora da Universidade de Vigo desde 1998 na área de Organización de Empresas. Iniciei a miña docencia en Vigo, nas Facultades de CC Económicas e Empresariais, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ciencias do Mar e Comercio e na Escola Superior de Enxeñería Industrial, dende 2015, traballo no campus de Ourense, na Facultade de Empresariais e Turismo e na Escola Superior de Enxeñería Informática.
Nunha primeira etapa como Asociada, compatibilicei a docencia universitaria coa administración de empresas, a docencia en Formación Profesional en ciclos de Administración e Finanzas e a impartición de cursos de Formación Continua para traballadores, en finanzas e contabilidade, recursos humanos, economía social e para docentes en metodoloxías didácticas. Considero que teño unha ampla experiencia en cargos de xestión; no seu día fun xefa de estudos do CPR Daniel Castelao (Vigo), Coordinadora do Grao en Turismo de Ourense e Decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense (2019-2025).
Fun tesoureira e directiva da Sociedad Española de Acuicultura (SEA) e Vocal e Secretaria da Confederación Española de Decanas/os de Economía y Empresa CONFEDE), e Secretaria do Consejo Iberoamericano de Decanas/os de Ciencias Económico-Empresariales de Universidades CONIDECE). Son subdirectora do grupo de investigación OE4 Sistemas e Tecnoloxías da Información para a Empresa, e dende hai dous anos coordino o laboratorio de emprendemento “Venture Lab”, do Campus Auga de Ourense, xunto a Javier Rodeiro, compañeiro e docente da ESEI.
A miña docencia e investigación relaciónase cos recursos humanos, a estratexia turística e empresarial, a planificación turística e as cadeas de aloxamento. Os meus artigos en revistas científicas e comunicacións en congresos nacionais e internacionais analizan temas de xestión económico-empresarial, especialmente sobre sustentabilidade e responsabilidade social no sector turístico.
Preocúpame moito a transferencia dos meus coñecementos académicos, polo que colaboro na elaboración de estudos que engadan valor ao tecido turístico ourensán e galego. Deste xeito, tamén colaboro como IP en diferentes proxectos de desenvolvemento turístico territorial para o Eixo Atlántico ou a Deputación de Ourense, entre outras institucións. Levo anos colaborando activamente con outras institucións ourensáns, como Expourense, a Confederación de Empresarios ou INORDE.
Coñéceseme polo meu traballo, compromiso e sinceridade, valores que inciden profundamente nas persoas que me acompañan nesta viaxe, dende hai anos. Considero que ser docente supón transmitir ás miñas alumnas e alumnos unha mensaxe íntegra de respecto e dedicación; todos eles saben que a porta do meu despacho sempre está aberta, como profe, titora do PAT, TFG, TFM, como directora de tese ou mesmo como madriña de 5 promocións de Turismo; porque formar profesionais é un reto, pero tamén unha responsabilidade para calquera docente universitario. Creo firmemente na Universidade Pública, e a UVigo precisa dun proxecto común.
Teño 3 fillos, dous deles xa estudantes da nosa universidade e no noso Campus de Ourense, e o terceiro apostará tamén pola pública. Polas novas xeracións cómpre mellorar a nosa universidade.
Cando as obrigas e o calendario o permiten, gústame desconectar no pobo, coidando da miña horta e desfrutando das noites con estrelas.