Rebeca P. Díaz Redondo

Vicerreitoría de Profesorado e Persoal Investigador
Son catedrática da Universidade de Vigo na área de Enxeñaría Telemática, institución á que me incorporei como docente en formación no ano 1998 na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
No ámbito investigador, a miña liña principal céntrase na provisión de solucións eficientes e seguras para sistemas de cómputo distribuído intensivo (especialmente de aprendizaxe máquina descentralizado) despregados sobre infraestruturas Cloud-2-Edge. Os resultados destes traballos foron publicados en numerosos artigos e conferencias internacionais de recoñecido prestixio. Paralelamente, e motivado polo meu interese na cooperación académica internacional e a innovación docente, formei parte dos equipos de traballo e liderei diferentes proxectos europeos de transferencia de coñecemento (Capacity Building Higher Education) e de mobilidade (Erasmus Mundus, Action 2). Esta experiencia ao longo dos anos permíteme colaborar tamén desde o punto de vista da avaliación e revisión de proxectos nacionais e internacionais así como no meu papel como Senior Editor dunha revista internacional do meu ámbito de investigación.
A labor docente é moi importante para min, desfruto do proceso formativo na aula e tamén na titorización de traballos fin de titulación (grao e máster) e, moi especialmente, da labor de guiado e descubrimento conxunto propia da titorización de estudiantes de doutoramento.
Durante a miña traxectoria profesional exercín diferentes responsabilidades de xestión. Entre o 2010 e o 2013 fun secretaria do Departamento de Enxeñaría Telemática e entre o 2017 e o 2021 coordinadora do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (liña inglés e liña castelán/galego) e, desde 2021, son a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
En moitas familias, como a miña, a universidade pública supuxo unha oportunidade formativa única que abriu as portas a mellores opcións laborais. Coido que é a nosa responsabilidade manter a calidade da institución para que poida seguir sendo un eixo transformador clave para a nosa sociedade. Por iso é vital ter un proxecto estratéxico claro para a nosa universidade. Un que nos permita avanzar de forma acompasada coa sociedade e co tecido económico e industrial.
Fóra da miña esfera profesional, a música é o meu oasis particular. Aprender a interpretar un instrumento sendo nova vívese dunha maneira totalmente diferente a facelo tendo xa algúns anos. En ambos casos é un proceso que precisa de constancia, concentración e traballo en equipo. Unha das mellores recompensas é poder interpretalo en boa compañía e se, como no meu caso, isto implica tamén á familia, a gratificación é dobre.