Xosé H. Vázquez

Vicerreitoría de Estratexia Gobernanza e Economía
Son profesor da Universidade de Vigo desde 1997 na área de Organización de Empresas. A miña docencia e investigación céntranse na estratexia, a innovación e o cambio organizativo, con especial atención a tres retos que xa están a redefinir o noso contexto: a sustentabilidade, a resiliencia territorial e a disrupción tecnolóxica.
Este traballo permitiume publicar en revistas de referencia en teoría da organización (Organization Science, Organization Studies), dirección de operacións (Journal of Operations Management, Computers & Operations Research, IEEE Transactions in Engineering Management), estratexia da I+D e innovación (Research Policy, Long Range Planning, Strategic Change), así como en canles orientadas á dirección e ás políticas públicas (Harvard Business Review, Regional Studies).
A colaboración con organizacións públicas e privadas é tamén unha parte central da miña traxectoria. Teño cooperado con institucións como o Banco Interamericano de Desenvolvemento, a Xunta de Galicia (consellerías, IGAPE, GAIN, ACIS) e co Consorcio da Zona Franca e a Autoridade Portuaria de Vigo. Tamén colaborei con empresas e centros tecnolóxicos de sectores diversos, como Altran, Jealsa Rianxeira, Pescanova, Stellantis, Syngenta, CETMAR e TECNALIA.
No eido do servizo académico, fun conselleiro do Consello Económico e Social de Galicia (2007–2018), participando en procesos de diálogo social, mediación e procura de acordos entre axentes económicos e sociais. Na actualidade participo no equipo xestor do campo de Economía da Axencia Estatal de Investigación e presido a Asociación Española de Economía e Dirección de Empresas (ACEDE) ata xuño de 2026.
Esta traxectoria entre a aula, a investigación, a avaliación científica e a colaboración institucional deixoumo claro: a universidade pública é unha infraestrutura crítica da sociedade. Preocúpame que a institución corra o risco de mirarse só a si mesma e perder o sentido do proxecto común. Por iso defendo unha universidade ambiciosa nos obxectivos, humilde nos procesos e pragmática nos medios e nos tempos, capaz de substituír a improvisación por reflexión compartida e acción sostida.
Fóra do traballo, a familia é o meu centro de gravidade. O resto repártoo entre o trail running, a pesca e esa terapia doméstica que representa a desbrozadora.