Rafael Comesaña Piñeiro

Vicerreitoría de Transferencia e Innovación Social
Son profesor da Universidade de Vigo dende 2012 na área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas e a miña actividade docente actual desenvólvese no Campus de Vigo e no Campus de Ourense.
A miña actividade de investigación e transferencia céntrase no procesamento de materiais mediante tecnoloxía láser, así como na fatiga e integridade estrutural. Posúo experiencia como investigador principal en varios proxectos competitivos de convocatorias nacionais e internacionais, destacando o proxecto EVERGLASS financiado polo European Innovation Council (EIC). Esta actividade tivo como froito a publicación de diversos traballos científicos en revistas relevantes no campo da enxeñería dos materiais. A miña actividade de transferencia materializase na participación en contratos e proxectos con empresas, así como na coautoría de patentes de invención de ámbito nacional, europeo e internacional (PCT). Esta experiencia permitiume coñecer de primeira man os mecanismos e necesidades da transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre a universidade e o sector empresarial.
Dende o punto de vista da xestión académica, fun secretario da Escola de Enxeñería Industrial e posteriormente subdirector de Posgrao e Doutoramento no mesmo centro. Durante este período asumín tamén responsabilidades de coordinación académica, primeiro como coordinador do Mestrado en Enxeñería Industrial e posteriormente do Mestrado en Enxeñería Biomédica. Ademais, participei activamente na elaboración, implantación e seguimento de programas de grao e mestrado, así como en procesos de avaliación e acreditación da calidade, entre os que destaca a obtención do selo internacional ABET.
A miña traxectoria combina docencia, investigación, transferencia e xestión cun obxectivo común: contribuír a unha universidade pública comprometida coa formación de profesionais cualificados, coa xeración de coñecemento útil e coa súa transferencia efectiva á sociedade. Entendo esta responsabilidade dende o rigor, a colaboración institucional e o respecto ás persoas.
Fóra do ámbito profesional, valoro especialmente o tempo coa familia e o proceso de ver medrar aos meus fillos, e desfruto seguindo os deportes de motor como a Fórmula 1.