Xabier M. Rolán

Vicerreitoría de Docencia e Transformación Educativa

Antes de ser profesor, fun autónomo, cooperativista e funcionario (interino). Traballei en radio e televisión, xestionei comunicación online durante unha década como profesional independente, e pasei tamén por Bruxelas como técnico de políticas europeas. Esa traxectoria fóra da academia deixoume unha lección que hoxe aplico cada día: o valor da practicidade, a axilidade e a necesidade de conectar o coñecemento coas demandas reais e cambiantes da sociedade.

Son Titular de Universidade na Facultade de Comunicación da UVigo, a institución que me formou e onde levo máis de doce anos desenvolvendo a miña carreira docente e investigadora. Doutoreime aquí con premio extraordinario e mención internacional cunha tese sobre comunicación política e intoxicación informativa en redes sociais, e desde entón a miña investigación non deixou de orbitar arredor das disfuncións da comunicación: desinformación, astroturfing, discursos de odio, memes como arma política… Unha liña de traballo cun cento de publicación científicas e que se proxecta en redes internacionais, especialmente en Portugal e Brasil. En xestión universitaria ocupei cargos de vicedecano, secretario de departamento e coordinador de mestrado, e coordino un grupo de innovación educativa centrado na intelixencia artificial e o seu impacto real na docencia.

Nos últimos anos teño impartido centos de horas de formación sobre IA xerativa a profesorado e persoal investigador en universidades e centros de investigación de España e Portugal. Esa experiencia lévame a unha convicción clara: a tecnoloxía sen criterio ético é baleira, e a universidade debe ser o espazo onde se humanice a disrupción, non onde se ignore.

Fóra do traballo, a miña vida pivota sobre a familia. Son un orgulloso “amo de casa” e o tempo que queda repártoo entre o mundo de The Legend of Zelda—onde a exploración e a resolución de problemas son sempre unha boa metáfora da vida— e a aprendizaxe musical a través do piano, porque nunca é tarde para aprender algo novo.