Mobilidade “unha soa porta” e rede de coordinación por centros

A mobilidade internacional do estudantado segue dependendo demasiado de iniciativas individuais, relacións persoais e capacidades desiguais entre centros, o que xera unha oferta moi irregular: hai titulacións con máis destinos, máis acompañamento e máis experiencia acumulada, mentres outras, especialmente en centros máis novos, parten con menos oportunidades.

Para corrixir esta desigualdade, impulsaremos un modelo de “unha soa porta” para o estudantado saínte e entrante, con información clara, acompañamento e un itinerario común de xestión antes, durante e despois da estadía. Ao mesmo tempo, crearase unha rede estable de coordinación por centros para compartir procedementos, detectar carencias e reforzar a captación e consolidación de destinos onde a oferta sexa máis feble.

Para respectar a autonomía académica, as melloras curriculares faranse por adhesión voluntaria, mediante guías tipo de recoñecemento e apoio técnico aos centros que decidan implantalas. Arrincará con centros piloto e escalará co aprendido.

O obxectivo é pasar dun modelo desigual e dependente de iniciativas illadas a unha estratexia sistemática de universidade, máis equitativa por centros e por suposto sostible.