Implantaremos un servizo de orientación xurídica básica para estudantes sobre cuestións frecuentes da vida universitaria e da transición á vida adulta, especialmente en materia de vivenda e alugueiro, contratos habituais, prácticas académicas externas e outras situacións recorrentes que requiren información clara para previr erros ou conflitos.
O servizo terá carácter consultivo e preventivo, con alcance ben delimitado, e integrarase coas canles existentes mediante guías prácticas, sesións informativas presenciais e en liña, e unha atención inicial con derivación aos servizos competentes cando corresponda.
A implantación realizarase de forma progresiva, comezando cun proxecto piloto nun ou varios campus que permita dimensionar a demanda real, axustar procedementos e avaliar resultados antes da súa extensión ao conxunto da universidade.
Neste marco, explorarase a posta en marcha dunha clínica xurídica universitaria, con participación de estudantado e supervisión académica do profesorado, como fórmula de aprendizaxe-servizo para reforzar a orientación en materias tipificables e de baixa complexidade.
No desenvolvemento do piloto definiranse tamén os mecanismos de participación do estudantado e do profesorado, priorizando o seu encaixe en actividades formativas e de aprendizaxe-servizo, como prácticas académicas, traballos de fin de grao ou mestrado, ou proxectos de innovación docente, con recoñecemento académico para o estudantado e docente para o profesorado cando proceda.
O obxectivo é identificar e consolidar as fórmulas máis eficaces e sostibles para integrar este servizo na organización académica da universidade. Buscamos mellorar a autonomía práctica do estudantado, ofrecer información útil no momento oportuno e reducir situacións de desprotección na vida cotiá universitaria
