Accesibilidade e inclusión como dereito: apoio coordinado e gabinete psicopedagóxico reforzado

A accesibilidade e a inclusión deben funcionar como dereitos efectivos, non como solución caso a caso. A UVigo precisa un servizo estable de orientación e apoio psicopedagóxico, integrado na súa política de inclusión e permanencia, sen depender de activacións tardías nin solucións conxunturais.

Por iso implantaremos un modelo de apoio coordinado para necesidades específicas do estudantado (discapacidade, neurodiversidade, enfermidades crónicas, saúde mental e situacións temporais), cun procedemento único de solicitude, resposta en prazo e seguimento.

A curto prazo, garantirase unha referencia clara de atención psicopedagóxica, orientación e apoio, capaz de avaliar casos a partir de informes ou documentación acreditativa, propoñer medidas de apoio e adaptación revisables periodicamente e ofrecer acompañamento en dificultades que afectan á permanencia, especialmente no primeiro curso (adaptación académica, concentración, xestión do tempo, ansiedade, illamento ou dúbidas vocacionais).

Estableceranse ademais estándares comúns de adaptación docente e un plan de accesibilidade dixital con correccións verificables. Ao longo do mandato, a UVigo deberá avanzar cara a un modelo máis robusto, con maior capacidade profesional e preventiva, mellor coordinación cos centros e resposta máis equitativa, previsible e sostible en toda a universidade