Moitas persoas do PTXAS teñen hoxe a sensación de que, unha vez que acceden a un posto, as posibilidades reais de progresión ou cambio durante a súa traxectoria profesional son limitadas. O impacto na motivación co paso dos anos non é neutro.
Por iso é fundamental garantir unha implantación sostida e coherente da carreira vertical e horizontal, con criterios públicos e procedementos áxiles e eficientes. Ao igual que coas promocións internas, negociaremos un calendario anual estable para os procesos de provisión.
Dada a previsión do número de vacantes que se producirán nos vindeiros anos, negociarase a posta en marcha dun sistema de concurso aberto e permanente que axilice as coberturas definitivas, evitando a utilización recorrente de comisións de servizo de longa duración e proporcionando estabilidade ás carreiras do persoal.
Ao tempo promoveranse os concursos específicos con suficiente antelación para asegurar un correcto relevo, evitando a perda de memoria institucional e garantindo a continuidade operativa no caso de retiros en postos de alta especialización.
A carreira horizontal estará ligada a competencias e responsabilidades, incorporando unha avaliación do desempeño sinxela e con garantías, con indicadores claros e dereito de revisión/alegacións. Incorporará un recoñecemento retributivo progresivo por subgrupos e niveis, implantado de maneira plurianual e sostible dentro do marco normativo e orzamentario.
Para facilitar a posta en marcha de todos os procesos que esixirán as continxencias dos anos vindeiros é imprescindible unha aposta estratéxica na área de xestión de recursos humanos de PTXAS, reforzándoa cunha vicexerencia competente e proactiva e dotándoa de medios humanos e tecnolóxicos, así como dunha estrutura acaída as novas necesidades.
O obxectivo é facer a progresión profesional máis áxil, xusta, transparente e motivadora, e aliñar así o recoñecemento co valor que o PTXAS achega aos servizos que presta á nosa institución
