Reforzaremos a participación do PTXAS en órganos e comisións que afectan ao deseño e mellora de servizos, incorporando a súa experiencia operativa nas tomas de decisión.
A planificación de reunións periódicas e estables entre o equipo de goberno e o persoal responsable das unidades garantirá o coñecemento por estes das liñas estratéxicas e programáticas, facilitando a súa participación directa na concreción e aplicación das mesmas.
Fomentarase a creación de canles de colaboración entre as unidades administrativas/técnicas e as estruturas académicas co obxectivo de que se compartan os procedementos e se integren procesos, evitando as duplicidades e optimizando a eficiencia operativa.
Estableceranse ademais outros mecanismos de consulta con retorno (o que se acepta, o que non e o por que) e recoñecerase de xeito efectivo a contribución por parte do PTXAS a proxectos de mellora e innovación interna.
O obxectivo é aumentar eficacia, corresponsabilidade e calidade de servizo, evitando que as decisións se tomen sen coñecer as condicións reais de execución.
