Activaremos un plan estable de convivencia e prevención fronte a violencias e condutas de risco: acoso sexual e por razón de sexo ou identidade, bullying e novatadas, relacións insás e adiccións dixitais.
Financiaremos diagnósticos periódicos de convivencia e percepción de seguridade para identificar incidencias, fendas e discriminacións, focalizar mellor as accións e avaliar o seu impacto. Integraremos protocolos e recursos nunha ruta única e visible de acceso á axuda, presencial e dixital, con derivación clara, tempos de resposta acotados e acompañamento, para que pedir apoio sexa rápido, comprensible e eficaz.
Esta ruta única apoiarase tamén nunha mellor coordinación dos órganos e servizos implicados en convivencia e xestión de conflitos, co fin de evitar solapamentos e garantir unha resposta máis áxil, clara e profesional (o “como” é obxecto dunha medida concreta na transformación relacionada coa gobernanza).
No ámbito do acoso sexual e por razón de sexo ou identidade, reforzaremos e profesionalizaremos o sistema institucional mediante a revisión do protocolo no primeiro ano para simplificar fases e reducir prazos sen menoscabo das garantías, a formación obrigatoria para cargos e responsables de unidades, e un seguimento anual con datos agregados e mellora continua.
O obxectivo é reducir incidencias e mellorar a seguridade real e percibida no campus, con respostas claras, accesibles e responsables
