Na actualidade, a participación docente do persoal predoutoral e posdoutoral na UVigo desenvólvese con criterios desiguais segundo ámbitos, centros e departamentos, o que xera diferencias na formación adquirida, no grao de autonomía docente, e nas condicións de aprendizaxe para a carreira universitaria. A universidade resolveu esta cuestión cun modelo uniforme, centrado na simultaneidade presencial ou en solucións ad hoc, que proporciona cobertura formal pero non sempre garante unha formación docente ben planificada, comparable e útil. Por iso promoveremos a reforma da normativa interna da UVigo para crear un marco común de participación docente de predocs e posdocs inspirado nunha lóxica de desenvolvemento académico progresivo, con seguridade xurídica, responsabilidade académica clara e estándares formativos equiparables aos doutras universidades de referencia. O obxectivo será pasar dun modelo baseado de maneira predominante no control formal da presenza a outro baseado en formación pedagóxica, mentorización, planificación previa, seguimento contrastable e recoñecemento da experiencia adquirida.
No caso do persoal predoutoral, a participación docente manterá sempre carácter estritamente formativo e subordinado á súa finalidade investigadora, dentro dos límites legais e das condicións das correspondentes convocatorias. En ningún caso esta participación poderá utilizarse para reducir a carga docente estrutural do departamento nin para substituír as responsabilidades académicas do profesorado da materia. A reforma da normativa interna permitirá distinguir entre tipos de actividade docente e establecer un sistema de supervisión graduada: máis intensivo nas fases iniciais e nas actividades que así o requiran, e máis flexible noutras actividades delimitadas (como seminarios, prácticas, grupos de laboratorio ou docencia repetida), sempre que exista formación previa, profesorado responsable identificado, planificación formal da actividade, seguimento efectivo, trazabilidade e plena compatibilidade coa normativa aplicable.
No caso do persoal posdoutoral, clarificaranse as condicións de participación docente segundo cada figura contractual, diferenciando con precisión os supostos de docencia en solitario, os casos excepcionais de docencia compartida e os criterios de autorización, seguimento e recoñecemento. O principio reitor será que a docencia do persoal posdoutoral non se organice de maneira arbitraria nin subordinada só a necesidades conxunturais do POD, senón tamén como parte dunha estratexia de consolidación de perfil académico.
Este novo marco incluirá un programa básico de formación para a docencia universitaria, a asignación formal de mentoría docente, instrumentos comúns de planificación e avaliación, observación e devolución formativa sobre a práctica docente, criterios claros sobre tarefas estruturais que poden ou non asumir predocs e posdocs, e un sistema de certificación da experiencia adquirida que resulte útil para a súa progresión académica. A UVigo debe garantir que a docencia realizada polo persoal novo non sexa unha zona gris nin unha solución de encaixe, senón unha experiencia formativa seria e comparable en todos os centros.
