Estabilidade, dignificación e uso responsable do profesorado asociado

Impulsaremos unha política clara para o profesorado asociado que combine tres obxectivos: máis estabilidade, máis recoñecemento institucional e unha integración máis digna na vida universitaria.

A UVigo completará con transparencia, equidade e diálogo os procesos de estabilización e adaptación derivados do novo marco legal, dando ao colectivo maior previsibilidade, información clara e regras comprensibles sobre funcións, dedicación e continuidade. O profesorado asociado non pode seguir vivindo entre a incerteza e a sensación de ser imprescindible para a docencia e, ao mesmo tempo, sentirse periférico na institución.

Melloraremos a súa integración académica e organizativa, garantindo acceso á información, aos recursos docentes e ás canles de participación necesarias para exercer o seu labor con dignidade e sen depender de solucións informais. Queremos que a UVigo recoñeza mellor o valor dun colectivo que achega experiencia profesional e conexión coa realidade social e institucional. Esta medida irá acompañada dunha mellor planificación docente e dun seguimento máis coidado das necesidades académicas, para reducir improvisacións, dar máis coherencia ao sistema e ofrecer máis seguridade a todas as partes.

O obxectivo é unha UVigo máis seria, máis xusta e máis respectuosa co seu profesorado asociado.