Garantías e xustiza profesional para o persoal interino

O contexto actual, unha vez rematados os procesos de estabilización establecidos na lei 20/2021 e coa vista nas medidas impostas por Europa para evitar o abuso da temporalidade, esixe unha planificación áxil e eficiente que nos permita cumprir cos prazos legais das convocatorias, sempre de acordo coas previsións do Plan de Ordenación de Recursos Humanos e coas ofertas de emprego público.

Neste marco, negociarase proactivamente coa representación de persoal a publicación periódica de prazas para facilitar así as oportunidades de estabilización, procurando a progresiva implantación do subgrupo C2 como subgrupo mínimo de acceso nas subescalas que proceda.

Planificarase unha redefinición e refundición da normativa interna sobre selección temporal, acceso interno e adscrición provisional do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo, que clarifique as regras e recolla as derivadas dun sistema dixital para chamamento de persoal de listas de agarda que remate co actual protocolo de correo electrónico e chamada telefónica.

Para o acceso, negociaranse temarios pechados, con referencias bibliográficas transparentes e contidos acaídos as funcións a desenvolver na escala á que se acceda. Igual principio de adecuación ás funcións utilizarase nos procesos de ampliación de listas cando sexan precisos.

O Plan continuo de formación do PTXAS, definido máis adiante neste programa, contemplará as necesidades específicas do persoal interino, procurando que os módulos formativos aos que teña acceso sexan de proveito non so para a súa capacitación profesional senón tamén para o acceso á función pública.

O obxectivo é cumprir co dereito á igualdade de trato e condicións laborais que o persoal interino ten recoñecido, garantindo no acceso á función pública universitaria os dereitos de mérito, capacidade, igualdade e publicidade