A captación internacional de estudantado adoita ser reactiva e dispersa, con presenza en moitos espazos pero cun acompañamento irregular que penaliza a experiencia de chegada.
A medida crea un programa selectivo de captación e conversión con tres canles: (1) potenciar a rede Alumni e crear unha de estudantes embaixadores/as en países prioritarios, capaz de ofrecer información directa e próxima sobre a experiencia real na UVigo; (2) acordos de envío con universidades e institucións socias para itinerarios de acceso a máster e pasarelas académicas; e (3) campañas dixitais e presenza en feiras só onde haxa retorno verificábel (matrícula, alianzas ou proxectos).
Estableceranse paquetes de información por perfil e resposta rápida a dúbidas e trámites, conectando directamente co plan de acollida. A rede de persoas embaixadoras poderá orientar tamén sobre cuestións prácticas e da vida universitaria (aloxamento, campus, servizos, deporte, actividades e integración social), para que o estudantado potencial poida tomar decisións con información útil e crible. As bolsas activaranse só con cofinanciación externa e criterios públicos.
O obxectivo é mellorar a matrícula internacional, reforzar a reputación de servizo e converter a comunidade Alumni e estudantil nun activo estratéxico da UVigo Global.
