Acollida integral internacional (grao, máster, doutoramento e persoal investigador)

A chegada de alumnado internacional (especialmente en máster e doutoramento) convértese, a miúdo, nun calvario de trámites: documentación, altas, certificados e problemas prácticos para a vida diaria.

A medida creará un itinerario de acollida integral por campus con tres pezas: kit multilingüe por perfís (grao/máster/doutoramento), citas agrupadas nas primeiras semanas para resolver trámites universitarios e unha canle rápida de incidencias de chegada con resposta coordinada. Cando haxa dependencias externas (bancos, concellos, Xunta, servizos públicos), artellarase mediante cartas estándar e convenios de colaboración, sen asumir competencias alleas.

O importante é que os estudantes acollidos pola UVigo (e os propios grupos de investigación que atraen talento) sintan que están acompañados e que se institucionaliza a súa acollida de maneira integral. Complétase con mentorización e orientación académica específica para doutoramento e persoal investigador visitante.

Isto permite acelerar a incorporación real das persoas acollidas, pero sobre todo reducir a carga que as persoas coordinadoras de estudos e grupos de investigación dedican ás friccións administrativas e, por suposto, mellorar a reputación da UVigo como institución que acompaña e resolve.