Custos indirectos transparentes e proporcionais, cunha base común máis un compoñente variable apoiado na contabilidade analítica

A definición e aplicación dos custos indirectos non sempre responden de maneira clara e proporcionada aos custos reais que a universidade asume nin permiten coñecer con suficiente transparencia a que se destinan e que retorno operativo ofrecen á actividade investigadora e de transferencia. Isto alimenta a incredulidade do PDI no “sistema” porque instala un incentivo perverso: canto máis se capta, máis sensación existe de que se financian desequilibrios alleos ao proxecto e sen contrapartidas.

A revisión metodolóxica orientarase a reforzar a xustiza, a proporcionalidade e a transparencia do sistema, axustando os custos indirectos á intensidade real de infraestrutura e soporte de cada tipoloxía de actividade. En ningún caso esta revisión implicará custos indirectos superiores aos topes actualmente vixentes. Nas convocatorias con custos indirectos limitados pola entidade financiadora, a UVigo non engadirá cargas adicionais que prexudiquen a execución do proxecto. Nas restantes tipoloxías nas que a universidade si pode modular a taxa, esta definirase con criterios baseados en dous compoñentes: unha cota-base común, igual para todas as áreas, destinada a cubrir os servizos institucionais imprescindibles que toda actividade utiliza (tramitación, xestión económica, apoio xurídico, soporte administrativo); e un compoñente variable, construído mediante módulos ou bandas de custo razoable por tipoloxía de actividade, ámbito ou intensidade de uso de infraestrutura, elaborados a partir da contabilidade analítica da UVigo.

A metodoloxía incorporará salvagardas específicas para que a intensidade de infraestrutura non penalice a reinversión en equipamento científico-técnico nin trate como simple sobrecusto anual o que constitúe capacidade instalada con utilidade plurianual para a UVigo. En particular, evitarase que o investimento en equipamento necesario para desenvolver a actividade, e que ao mesmo tempo reforza a capacidade futura da universidade para investigar, transferir e apoiar a docencia, se valore como unha ineficiencia. Cando proceda considerar o uso de equipamento inventariable, farase con criterios de vida útil, amortización ou módulos equivalentes, evitando imputacións que distorsionen a comparación entre actividades técnicas e proxectos ou servizos de baixa infraestrutura. Así mesmo, os mecanismos de retorno asociados aos custos indirectos, como os abonos de servizos centrais, deberán deseñarse con criterios de utilidade efectiva, proporcionalidade e transparencia, evitando desaxustes entre o soporte realmente necesario e os recursos asignados.

Por último, publicarase periodicamente a metodoloxía de cálculo, os criterios aplicados, o destino dos recursos obtidos por custos indirectos e, de maneira agregada, o tratamento e destino dos fondos liberados, así como indicadores básicos de mellora do servizo e de retorno á actividade investigadora. A comunidade universitaria debe poder coñecer con claridade que se repercute, por que se repercute, a que capacidade institucional dá soporte e que parte retorna efectivamente ao sistema que capta os recursos. Un sistema de custos indirectos e de retorno ben deseñado non penaliza a captación nin a transferencia: reforza a súa lexitimidade, mellora a confianza e favorece unha actividade sostible.