Novo marco dos RLDs: retorno ao ecosistema investigador que os xera

Revisaremos a normativa de xestión dos recursos liberados dispoñibles (RLDs) para que, nos proxectos estratéxicos, estes recursos revertan prioritariamente no ecosistema investigador que os xera e poidan empregarse con maior flexibilidade para reforzar a capacidade de execución, captación e consolidación da investigación.

A normativa actual xa permite destinar os RLDs dispoñibles do equipo investigador a gastos de execución, equipamento, contratación, servizos, incorporación a AEIs e tamén a retribucións persoais do profesorado dentro dos límites legais. O novo marco partirá dun principio claro: se os custos indirectos da convocatoria xa cobren o soporte institucional xeral, os RLDs deben funcionar principalmente como retorno ao ecosistema investigador que os xera. Por iso, eliminaremos a retención institucional actualmente aplicable e permitiremos que estes recursos sexan xestionados polo ecosistema investigador que os xera, dentro dos límites legais e con regras claras de uso. Este principio aplicarase con carácter xeral, sen prexuízo de futuras revisións baseadas no desenvolvemento da contabilidade analítica da UVigo e na eventual acreditación de custos de soporte extraordinarios non cubertos polos custos indirectos da convocatoria.

Ademais dos usos xa previstos, habilitarase a posibilidade de destinar RLDs a mecanismos de alivio ou desgravación docente vinculados á participación cualificada en proxectos estratéxicos (alén da dirección/coordinación, que formará parte da normativa xeral de recoñecementos docentes). A medida permitirá así que os RLDs non só sirvan para recoñecemento económico ou reforzo material dos equipos, senón tamén para soster a dedicación investigadora que esixen os proxectos de maior complexidade e impacto. O obxectivo é aliñar mellor os incentivos internos da UVigo coa captación de financiamento competitivo, coa boa execución dos proxectos e coa proxección científica e internacional da universidade