A universidade non só produce coñecemento: tamén produce cambio. E ese cambio debe ser intencional, medible e gobernado, non accidental nin voluntarista. Por iso propoñemos a creación dunha Vicerreitoría de Transferencia e Impacto Social, separada da Vicerreitoría de Investigación, porque investigación e transferencia precisan ritmos, perfís e métricas diferentes.
A nova vicerreitoría concentrará nunha mesma cadea operativa os contratos e convenios de I+D+i, a protección e licenza de resultados, o apoio a spin-offs/start-ups e os programas de emprendemento. O seu mandato non será “crear actividades”, senón reducir friccións administrativas e aumentar a capacidade institucional con prazos cumpribles, procedementos claros e apoio técnico. O aliñamento coa investigación farase por incentivos, non por xerarquía: planificación estratéxica compartida con Investigación, carteira común de retos e ámbitos prioritarios, mesas periódicas de coordinación e un sistema de recoñecemento motivador (tempo, avaliación e apoio técnico) para quen transfira, con criterios diferenciados por disciplinas.
A vicerreitoría implantará un cadro básico de seguimento con indicadores públicos agregados (prazos, volume e tipoloxías, resultados e retorno), porque a reputación institucional tamén se xoga en como se transfere. Con isto aceleramos acordos, aumentamos ingresos e impacto, e facemos que a transferencia pase a ser unha capacidade institucional estable.
