Articularemos as accións formativas do PTXAS nun plan continuo de formación, coordinado cos itinerarios profesionais, coa planificación de persoal e coa modernización real dos servizos. O plan estruturarase por perfís profesionais e necesidades reais do traballo diario, e revisarase anualmente para garantir utilidade, equidade multicampus e impacto efectivo na organización.
A formación terá catro eixos:
(1) formación ligada á carreira e aos perfís profesionais, para apoiar a progresión horizontal e vertical;
(2) formación para a mellora de procedementos e servizos, na que será substancial a preparación no uso de ferramentas de intelixencia artificial, e que estará orientada a reducir retraballo, erros recorrentes e interrupcións;
(3) recapacitación dixital por perfís, con itinerarios acreditables internamente e incidindo en que todo o persoal, con independencia da área na que preste os seus servicios, adquira unha formación básica en todas as plataformas e ferramentas corporativas;
(4) competencias transversais útiles (comunicación e idiomas) ligadas a funcións con interacción internacional, mobilidade e apoio a proxectos.
Dentro deste mesmo plan promoverase unha liña específica en competencias dixitais que garanta a óptima prestación de servicios en modalidade non presencial e outra liña, de formación previa, dirixida ao persoal de listas de agarda que facilite a súa acollida cando se incorpora por vez primeira a postos na Universidade de Vigo.
Nun marco de implantación da cultura interxeneracional, impulsarase a figura do mentor senior que contribuirá a evitar a perda de coñecemento por xubilacións, especialmente en postos de alta especialización.
O obxectivo é fomentar a aprendizaxe continua e o desenvolvemento profesional como piares fundamentais dunha universidade comprometida co servizo público de calidade.
