Planificación plurianual de plantilla e reequilibrio entre ámbitos

Elaboraremos un Plan Plurianual de Plantilla do PDI (horizonte 4–6 anos) con seguimento anual, para anticipar necesidades e corrixir os fortes desequilibrios entre ámbitos de coñecemento que hoxe sufrimos.

O plan combinará indicadores obxectivos (carga docente por PDI, estrutura por categorías, previsión de xubilacións, temporalidade, capacidade investigadora e necesidades docentes específicas) cun mecanismo de revisión periódica para evitar inercias e asegurar unha universidade equilibrada entre campus e ámbitos. En calquera caso, a experiencia recente amosa que non abonda con dispoñer de instrumentos de planificación e seguimento: é imprescindible tamén actuar conforme a eles e, cando non sexa posible, motivar e facer explícitas as razóns.A planificación orientarase a:

(1) reducir sobrecargas docentes persistentes nos ámbitos máis tensionados;

(2) evitar tapóns recorrentes na incorporación e na progresión profesional;

(3) garantir capacidade docente e investigadora suficiente nunha universidade xeralista.

Publicarase información agregada anual, segregada por ámbitos, e as decisións sobre oferta de prazas explicaranse con trazabilidade, sempre aliñadas co marco de financiamento do sistema universitario galego e coa dispoñibilidade orzamentaria.

O obxectivo é asegurar equidade institucional e a sustentabilidade a longo prazo, cunha planificación responsable que toda a comunidade UVigo poida constrastar.