Programa institucional de microcredenciais transversais: certificación UVigo e equidade entre campus

Deseñaremos e implantaremos un Programa institucional de microcredenciais transversais no marco da formación permanente da UVigo, orientado prioritariamente ao estudantado e ampliable progresivamente a outros colectivos, que ofrecerá formación curta e certificable en competencias clave para o desenvolvemento académico e profesional (comunicación oral e escrita, traballo en equipo, liderado e coordinación, xestión de proxectos e do tempo, resolución de conflitos, competencias dixitais e uso responsable da IA, entre outras).

Cada microcredencial definirá resultados de aprendizaxe, contará cun sistema de avaliación e expresará a súa carga de traballo en ECTS; a súa superación dará lugar a unha certificación institucional expedida pola UVigo, coa posible incorporación ao expediente académico e/ou ao suplemento europeo ao título cando corresponda.

Estas microcredenciais terán a natureza de formación permanente ou ensinanzas propias e non constituirán títulos oficiais, sen prexuízo de que o seu posible recoñecemento como créditos en estudos oficiais poida realizarse, cando proceda, mediante os procedementos previstos pola normativa.

O programa organizarase nun catálogo revisable periodicamente, con oferta accesible para todos os campus e mecanismos de seguimento para avaliar participación, impacto e adecuación ás necesidades formativas e profesionais.

Buscamos reforzar a formación integral, mellorar a empregabilidade e garantir igualdade de acceso a competencias transversais