Promoción de AXD a PPL/TU: listaxes actualizadas, criterios públicos e calendario

Non debe haber velocidades distintas para executar as OPES baseadas na interpretación que un equipo de goberno faga da capacidade de negociación de cada colectivo. Cando a nosa candidatura sostén que TODAS as persoas importan, faino dende un convencemento ético pero tamén pragmático.

A capacidade de atracción de talento da UVigo para a remuda xeracional depende en boa medida da transparencia e claridade con que se perciba a carreira profesional das persoas recén incorporadas. Por iso estableceremos un marco transparente e previsible para a promoción do profesorado Axudante Doutor cara figuras profesionais posteriores, con planificación e calendarización clara da saída de prazas e comunicación anticipada dos criterios. Manteranse listaxes actualizadas de persoas acreditadas e candidatas en todo momento (non só en momentos puntuais do ano) e definiranse criterios públicos de prioridade e ordenación (por exemplo, data de acreditación e outros criterios obxectivables), con trazabilidade e retorno sobre decisións e prazos.

Necesitamos garantir igualdade de trato, reducir sensación de arbitrariedade e permitir que o profesorado Axudante Doutor poida organizar a súa vida profesional con previsibilidade, sen depender de dinámicas informais nin de incerteza permanente.