Nos últimos anos as aspiracións de progresar profesionalmente na carreira víronse freadas pola escaseza de procesos de promoción profesional. Neste contexto, a urxente necesidade de dotar os subgrupos superiores en diversos ámbitos coincide cunha alta taxa de sobrecualificación do persoal, especialmente nos subgrupos C1 e C2.
A elevada previsión de xubilacións no futuro próximo esixiranos habilidade para obter o máximo proveito do talento xa existente na institución. Ademais, tras o proceso de funcionarización, é precisa unha redefinición de itinerarios e perfís tipo para as principais áreas do PTXAS (administración, laboratorios, bibliotecas, TIC, apoio á docencia e investigación, servizos ao estudantado), de maneira que se facilite a promoción profesional e cada persoa teña a certeza de que competencias se requiren, que vías de progresión caben e que formación é útil.
Negociaremos unha matriz de competencias por perfís con exemplos de traxectorias posibles, e publicaremos uns criterios coherentes, así como calendarios de promocións internas verticais e horizontais.
O obxectivo é reducir a arbitrariedade, mellorar a motivación e facilitar unha planificación realista das carreiras. Estes itinerarios e perfís serán a base técnica para a carreira profesional e para o plan de formación que son obxecto doutras medidas, garantindo coherencia entre o que se fai, o que se acredita e o que se recoñece
