RPT estratéxica e organigrama funcional: do mapa do pasado ao modelo de servizos do futuro

Non vimos a replicar inercias. Queremos que a RPT responda ao modelo de universidade que arelamos e cuxos trazos se describen neste programa.

A RPT converterase nunha ferramenta que favorecerá a culminación do proceso de funcionarización, consolidando a profesionalización de subescalas, habilitando a posibilidade de novos itinerarios que xeren espazo para a promoción profesional, e tamén abrindo vía á creación de novas unidades administrativas en ámbitos como xestión económica ou ordenación académica, así como direccións técnicas en áreas específicas como emprego ou calidade.

Para iso, impulsaremos unha revisión integral e estratéxica da RPT que adapte funcións, categorías e perfís ás novas realidades da universidade (dixitalización, servizos avanzados, apoio á investigación e á docencia). Non prometemos unha reforma express, dado que unha RPT eficiente require análise técnica, datos e contraste. En consecuencia, farémola por fases, con prazos públicos, en coordinación coas unidades e negociación coa representación do persoal.

En paralelo, o Plan Operativo de Transformación Organizativa e Dixital (explicado na misión de gobernanza) xerará os estándares e as evidencias que nos permitirán incorporar melloras progresivas e axustes parciais na RPT ao longo do proceso, sen agardar a unha revisión de todo ou nada.

A revisión partirá dunha foto inicial de funcións reais e cargas por unidades e estruturarase por fases:
(1) organigrama funcional e mapa de procesos dos servizos, con claridade de roles e responsabilidades e elaboración de guías operativas mínimas (“manual funcional” por perfís e unidades);
(2) definición de perfís e capacidades necesarias (a arquitectura dos servizos que queremos para o futuro);
(3) proposta técnica de RPT e plan de transición. Isto permitirá homoxeneizar criterios entre campus, eliminar conflitos de atribución entre PTXAS e PDI e sistematizar a xestión diaria.

O obxectivo é eliminar disfuncións, clarificar responsabilidades e asegurar que a organización do traballo responda ao que a universidade precisa para enfocar o futuro, non para reaccionar ante o pasado