Reforzaremos e ordenaremos a Universidade Sénior e o cuarto ciclo como espazos de aprendizaxe ao longo da vida e de participación social activa das persoas maiores, recoñecéndoas como parte da comunidade universitaria.
A curto prazo, ampliarase progresivamente a oferta e revisaranse os criterios de acceso e distribución de prazas para responder mellor á demanda existente; garantirase unha referencia institucional clara de coordinación; e habilitarase un espazo propio, estable e identificable para a actividade e a vida da Universidade Sénior, evitando a sensación de provisionalidade. Ao longo da lexislatura, a UVigo deberá avanzar cara a un modelo máis integrado e recoñecible, con maior capacidade organizativa e funcionamento o máis próximo posible a un verdadeiro centro universitario.
A proposta incorpora tamén actividades de cultura científica, alfabetización dixital, ciencia cidadá, memoria social e diálogo interxeracional, en colaboración con concellos e entidades sociais, favorecendo o benestar, a contribución social e a apertura da UVigo a todas as etapas vitais.
