Crearemos unha porta de entrada única, visible e estable para empresas, administracións e entidades sociais que integre acceso, orientación e seguimento. “UVigo Responde” combinará acollida inicial con resposta nun prazo definido, identificación de responsables e información clara do estado de cada solicitude.
A ferramenta incorporará a oferta universitaria organizada por itinerarios comprensibles (relación institucional, apoio a entidades sociais, actividades culturais e científicas, programas con retorno social), de modo que a relación coa UVigo deixe de depender de contactos informais e sexa xusta, transparente e profesional.
