Apoio, recoñecemento e garantías para o uso académico e institucional do galego

Activaremos un paquete integrado de apoio, recoñecemento e garantías para facer viable e atractiva a docencia e a vida administrativa en galego.

Para o PDI, consolidaremos un servizo de apoio á docencia en galego (revisión lingüística, edición, recursos terminolóxicos e asesoramento rápido) e unha liña estable de microaxudas para materiais reutilizables (guías, contidos dixitais, bibliografía comentada), ligada a criterios de calidade docente.

O uso do galego na docencia e a creación de materiais serán recoñecidos nos instrumentos internos de innovación e mellora docente, con criterios transparentes, e reforzarase o seu valor na organización docente mediante recoñecementos no POD e, cando proceda, pilotaxe de grupos en galego con planificación e avaliación de competencias. A Universidade garantirá os dereitos lingüísticos: expresarse e ser atendido en galego non será un dereito “renunciable” nin dependente da lingua doutras persoas. Para o PTXAS, garantiremos atención efectiva en galego mediante modelos normalizados, ferramentas e formación práctica.

Introduciremos dúas garantías mínimas: (1) respecto á lingua anunciada na guía docente, e (2) dereito a atención administrativa en galego en canles presenciais e dixitais. Ademais, asegurarase unha regra básica: toda aplicación corporativa de xestión deberá dispoñer de versión en galego (unha das múltiples aprendizaxes do caso SIGMA).

O obxectivo é ampliar usos reais con soporte e regras claras.