Impulsaremos un marco de carreira e estabilización do PDI máis previsible para todas as figuras, transparente e sostible, para que cada persoa saiba con antelación cales son as regras, os tempos e as posibilidades reais de promoción e consolidación. Manteremos información pública e actualizada sobre as acreditacións e sobre a evolución dos procesos, reforzando a seguridade, a confianza e a capacidade de planificación do profesorado.
Nos procesos que dependan da UVigo, publicaremos os criterios de aplicación, os calendarios orientativos e as previsións anuais de promoción e estabilización, vinculándoos á capacidade real da universidade e á súa responsabilidade institucional.
A carreira académica non pode depender da improvisación nin de automatismos que acaben trasladando ao futuro os custos das decisións do presente, nin quedar subordinada ás estratexias conxunturais doutras institucións alleas ás prioridades da propia UVigo. Queremos unha política de profesorado que dea seguridade ás persoas e, ao mesmo tempo, fortaleza á universidade: con criterios públicos, explicacións claras, equilibrio entre ámbitos e compromisos que a UVigo poida soster con credibilidade.
Ao mesmo tempo, melloraremos a información, o acompañamento e a claridade procedemental para evitar erros, atrasos e sensación de arbitrariedade. Porque gobernar non é tramitar expedientes, senón priorizar con criterio e dar resposta ao conxunto da universidade cun horizonte académico e económico de longo prazo.
