Conciliación corresponsable: transparencia, equidade entre campus e unidades, e mellor organización do tempo

Definiremos un marco común de organización do tempo e conciliación para reducir arbitrariedade, urxencias innecesarias e penalizacións asociadas ás responsabilidades de coidado, á saúde ou a outras situacións persoais que requiren adaptación temporal.

No primeiro ano realizaremos unha análise de cargas e picos de traballo por unidades e campus (docencia e servizo, xestión e tarefas non recoñecidas) incorporando a avaliación do impacto por xénero, responsabilidades de coidado e outras circunstancias que condicionan a dispoñibilidade horaria, co fin de detectar patróns que prexudican a conciliación e a equidade interna.

A partir dese diagnóstico estableceremos regras comúns: antelación mínima para convocatorias e cambios organizativos cando proceda, criterios de urxencia e coordinación entre unidades para evitar interrupcións constantes, e estándares de planificación que melloren a previsibilidade operativa.

Estableceranse tamén criterios transparentes para a flexibilidade horaria e o teletraballo nas unidades onde sexa posible, así como un procedemento áxil e trazable de adaptación temporal da dedicación en situacións acreditadas, incluídas as relacionadas coa saúde, os coidados ou a violencia de xénero, garantindo equidade entre campus e unidades.

O sistema contará con indicadores anuais e revisión periódica con medidas correctoras.

O obxectivo é avanzar cara a unha universidade mellor organizada, máis previsible e máis xusta no día a día, cunha conciliación real e compatible co funcionamento eficaz dos servizos.