Revisaremos o enfoque das convocatorias predoctorais propias da UVigo para garantir que avalían o que realmente corresponde a esta etapa inicial da carreira investigadora. Unha axuda predoctoral non debe seleccionar excelencia investigadora xa consolidada nin premiar a acumulación indiscriminada de méritos alleos á investigación, senón identificar potencial investigador, formación académica sólida e condicións de partida para desenvolver un doutoramento de calidade.
Comprometémonos, por tanto, a convocatorias con criterios pertinentes, claros e comprensibles, cunha avaliación máis cualitativa e contextualizada, que evite tanto o produtivismo como os modelos nos que “todo suma” aínda que apenas garde relación co traballo doutoral. Garantiremos ademais a equidade entre ámbitos científicos, evitando comparacións artificiais entre disciplinas con lóxicas, oportunidades e formas de iniciación investigadora distintas.
Para iso, publicaranse orientacións por ámbitos sobre o que se considera mérito pertinente nesta etapa, de maneira que a avaliación sexa comparable dentro de cada área e coherente a nivel institucional. Ao mesmo tempo, a universidade realizará un seguimento anual agregado da cobertura real destas axudas por ámbitos de coñecemento, co fin de revisar, en función da demanda e das dispoñibilidades orzamentarias, o seu alcance e avanzar progresivamente cara a unha cobertura máis suficiente e equilibrada, así como os mecanismos complementarios de apoio ao persoal doutorando sen financiamento competitivo.
O obxectivo é avanzar cara a un modelo no que facer o doutoramento na UVigo dependa menos da disciplina, dos recursos de partida ou da sorte inicial na captación de financiamento.
