Marco académico común para a docencia e a avaliación con IA

Estableceremos un marco académico común da UVigo para o uso da intelixencia artificial na docencia que fixe principios e criterios mínimos compartidos en todas as titulacións, evitando respostas desiguais entre materias e centros.

O marco definirá que usos son aceptables e baixo que condicións, que obrigas de transparencia existen (por exemplo, cando e como declarar o uso de IA), que estándares básicos deben cumprirse para garantir integridade académica e equidade, e que procedementos e recomendacións deben seguirse ante dúbidas ou incidencias.

O obxectivo é dar seguridade e coherencia institucional ao profesorado e claridade ao alumnado, preservando o valor formativo da avaliación nun contexto de IA xeneralizada.