Establecerase un estándar UVigo para aulas e espazos de estudo que garanta condicións mínimas en todos os campus: confort e uso real (iluminación, ventilación/climatización operativa, ergonomía básica e control de ruído), dotación audiovisual fiable e mantemento planificado.
Este estándar incorporará requisitos básicos de accesibilidade na infraestrutura e dotación (mobilidade, visibilidade/audición, sinalización e condicións de uso), aliñados co marco común de inclusión e accesibilidade do programa. A accesibilidade dixital e procedemental asociada ao uso destes espazos (información esencial, documentos e solicitudes) deberá cumprir estándares de accesibilidade e linguaxe clara, e disporá dun canal de incidencias con prazos de resposta, evitando solucións informais e desigualdades entre titulacións.
En paralelo, farase unha auditoría de conectividade (Wi-Fi e rede) en edificios e zonas de alta densidade (aulas, bibliotecas e áreas de estudo), publicando un mapa de cobertura e un plan de mellora por fases con prioridades e prazos. Para aproveitar mellor o patrimonio existente, habilitarase un catálogo por campus de espazos docentes e de estudo (capacidade, equipamento e accesibilidade) e un procedemento simple de solicitude e confirmación en prazo para usos académicos (defensas, exames, seminarios e traballo académico).
Non se pretende substituír a xestión ordinaria dos centros, senón dar visibilidade, criterios e trazabilidade mínima cando hai peticións intercentros ou conflitos de uso. Isto mellora a docencia e o estudo, evita depender de contactos informais e xera datos de uso real para decidir con criterio antes de pedir máis metros cadrados.
