Para converter a internacionalización curricular en práctica habitual, crearase un programa institucional con dúas pezas: (1) unha convocatoria anual sinxela para proxectos docentes internacionais (COIL/aulas espello, proxectos compartidos con avaliación conxunta, módulos con docencia compartida e formatos virtuais/mixtos cando sexan a mellor vía para chegar a máis estudantado) e (2) pilotos por centros para probar modelos, documentalos e escalar o que funcione; o programa achegará soporte metodolóxico e tecnolóxico, modelos de acordos docentes e un procedemento claro para o recoñecemento académico das modalidades virtual e mixta, de maneira que as titulacións poidan incorporalas ao seu itinerario internacional sen improvisación.
En paralelo, reformularase de raíz a etiqueta xa existente “English-friendly” e calquera equivalente noutras linguas. Hoxe estendeuse de maneira indiscriminada por adhesión individual, xerando unha oferta inflada, desigual e en moitos casos enganosa. A partir de agora será un instrumento selectivo e finalista: activarase só cando exista docencia, atención académica e avaliación efectivamente accesibles nesa lingua, e cando habilite mobilidade entrante, docencia compartida con universidades socias ou programas con demanda internacional verificábel.
A lingua vehicular non ten que implantarse en todas as titulacións nin en todos os centros, senón só alí onde sexa estratéxico, sostible e academicamente consistente. Para iso, esixiranse condicións mínimas verificables e soporte institucional dispoñíbel. Para reducir a dependencia do esforzo individual, habilitarase un paquete de apoio ao PDI (recursos e modelos docentes, revisión lingüística de pezas clave e acompañamento baixo demanda) e incentivos operativos (microaxudas a materiais, prioridade en mobilidade ligada a alianzas e recoñecemento de dedicación cando exista carga adicional). A implantación farase con pilotos por ámbitos e revisión anual: se non se cumpren as condicións, activarase un plan de mellora e, se persiste, retirarase a etiqueta na seguinte edición.
O obxectivo é recuperar credibilidade e concentrar recursos onde hai retorno.
