Equipamento e servizos científico-técnicos: inventario único, mantemento, acceso e soporte compartido

A UVigo integrará nunha única política o plan e a operación dos equipos e servizos científico-técnicos para garantir o seu funcionamento continuo, a súa actualización e o seu uso eficiente en todos os campus.

No primeiro ano elaborarase un inventario único de infraestruturas e equipamentos, identificando estado, obsolescencia, uso real, necesidades, riscos operativos e condicións técnicas asociadas. O programa incluirá tanto os equipos de especial relevancia científica como as condicións materiais que fan posible o seu uso: climatización específica, redes de gases, estabilidade eléctrica, seguridade e outras instalacións básicas de laboratorio. A partir deste diagnóstico, definiranse prioridades e un calendario faseado con criterios públicos relacionados coa seguridade, o impacto científico-técnico, o uso compartido, a criticidade do equipamento, a continuidade da actividade investigadora e a equidade multicampus. Estableceranse criterios comúns para a planificación do mantemento preventivo e correctivo, optimizando os contratos de Servizo de Asistencia Técnica (SAT), reducindo tempos de parada, avarías recorrentes e custos evitables, e definindo mecanismos de apoio para incidencias de alto impacto e actuacións prioritarias.

En paralelo, ordenarase o conxunto de equipamentos e servizos comúns (unidades de análise, instrumentación compartida, talleres e servizos técnico-científicos) nun catálogo único e actualizado, con información homoxénea sobre servizos dispoñibles, requisitos de acceso, procedemento de solicitude e reserva, prazos orientativos, custes e persoa ou unidade de contacto. Implantarase un procedemento estándar de solicitude e reserva e reforzarase o soporte técnico nos puntos con maior carga, para reducir tempos mortos, mellorar a calidade do servizo e garantir un funcionamento regular.

O programa incorporará unha perspectiva de sistema: fomentarase o uso compartido do equipamento cando sexa viable, mellorarase a visibilidade dos recursos dispoñibles e estableceranse pautas básicas de acceso e priorización para evitar duplicidades innecesarias e favorecer unha utilización máis eficiente do patrimonio científico da universidade. Publicaranse indicadores básicos de seguimento (estado dos equipamentos críticos, incidencias recorrentes, tempos de resolución, uso compartido e actuacións executadas) para introducir avaliación nun ámbito clave para a calidade da investigación e o bo funcionamento da universidade.