Campus de Pontevedra conectado, vivible e aberto: mellor mobilidade, mellores accesos e máis vida universitaria

O Campus de Pontevedra precisa mellorar a experiencia cotiá de quen o utiliza e reforzar a súa integración funcional e simbólica coa cidade. A súa relación coa cidade constitúe unha fortaleza diferencial, pero require unha política máis activa para mellorar a mobilidade, os accesos, os espazos de estancia e a integración do campus na vida urbana.

Ademais das persoas que viven en Pontevedra, o campus recibe diariamente alumnado e persoal que se despraza desde a súa contorna, polo que a mobilidade debe pensarse non só en clave local, senón tamén na súa conexión funcional co conxunto da área e co resto do sistema universitario galego.

Por iso impulsaremos un plan de campus conectado, vivible e aberto, coordinado co Concello de Pontevedra e coas administracións competentes, que ordene actuacións prioritarias en accesibilidade, itinerarios peonís, iluminación, limpeza, seguridade percibida, mobilidade ciclista e humanización dos accesos.

Neste marco estudarase a viabilidade de solucións de conexión regular co eixo Vigo-Pontevedra.

A medida incluirá tamén actuacións para mellorar os espazos de estancia e aprendizaxe informal, favorecer unha convivencia máis amable e sostible no campus e reforzar a súa apertura á cidadanía, incluíndo unha sinalética integrada que conecte campus, facultades e cidade. Trátase de pasar dun campus ao que se vai, a un campus no que tamén compensa quedar, convivir e participar.