O Campus do Mar debe volver ser un activo estratéxico central da UVigo e un dos principais instrumentos para reforzar a súa posición no sistema internacional de coñecemento mariño. A nosa proposta é reactivar o seu papel como plataforma de coordinación, proxección e cooperación de toda a capacidade investigadora e formativa da universidade no ámbito mariño, integrando non só os ámbitos máis directamente especializados (Fac. de CC. do Mar, ECIMAT e CIM) senón tamén a investigación e a formación vinculadas ao mar que se desenvolven noutras áreas tecnolóxicas ou socio-económicas da UVigo, e conectando mellor esas capacidades coa súa contorna científica, institucional e empresarial.
Neste marco, o desenvolvemento da ETEA debe concibirse como unha peza útil ao servizo dese proxecto, e non como un fin en si mesmo nin como substituto da política científica e académica que o Campus do Mar necesita. O reto non é simplemente mover actividades dun lugar a outro, senón elaborar con rigor un proxecto que supoña un progreso significativo nas capacidades da universidade en investigación, formación avanzada, innovación, transferencia e relación co territorio.
Por iso, no primeiro ano impulsaremos unha avaliación académica e orzamentaria dos usos previstos, en diálogo cos axentes implicados, para priorizar actuacións que xeren valor engadido real para a UVigo e eviten operacións de mera reordenación interna sen impacto efectivo.
Entre eses usos, consideraremos de maneira preferente a posibilidade de que a ETEA poida albergar espazos e programas orientados á innovación e á creación de novas iniciativas empresariais no ámbito mariño, en
colaboración con axentes como a Zona Franca, sempre que iso contribúa a fortalecer o ecosistema mariño da
UVigo e a xerar máis valor científico, tecnolóxico e social para o territorio. O obxectivo é abrir unha nova etapa
para o Campus do Mar, con máis utilidade e prestixio, apoiada tamén na captación de financiamento finalista
e en convenios específicos que permitan fortalecer o proxecto sen detraer recursos doutras prioridades
estratéxicas da UVigo
